Autor: Daniel Lourenzo Mirón

Coincide esta primeira colaboración que me brinda Ferrol360 e que usaremos a modo de presentación dunha serie de artigos sobre a protección civil, nun contexto ben oportuno para a reflexión sobre o tema. E é que a terrible vaga de incendios forestais que ven de asolar boa parte da nosa xeografía, coincide co aniversario daquela catástrofe ecolóxica que, na altura de 2002, fai agora quince anos, asolou as nosas costas tras o afundimento do Prestige.

Ben é certo que os incendios forestais e os sucesos de contaminación marítima derivado do intenso tráfico marítimo fronte as nosas costas son habituais e, o peor de todo, periódicos. Parecemos acostumados á repetición dese ciclo de indignación e esquecementos que acompañan a estes sucesos, sempre acompañados de diferentes promesas de medios, recursos e endurecemento normativo que as diferentes administracións poñen en marcha en función da magnitude da catástrofe.

Nada máis lonxe da nosa intención que sumarnos desde esta tribuna que nos emprestan para a ocasión, a esta lóxica perversa de aplacar a lóxica indignación que suscitan estes sucesos. Xusto todo o contrario, tentamos modestamente sumarnos ás voces que se teñen levantado para aportar solucións reais e duradeiras, a aportar novos recursos que nos preparen para enfrontar do mellor xeito posible catástrofes similares.

Sen entrar nos elementos que desencadean este tipo de emerxencia, característicos desta sociedade de risco na que vivimos e dos que se ocupan campos do coñecemento alleos ao noso, mais que evidentemente son necesarios, consideramos urxente aportar solucións desde a protección civil. E máis concretamente desde a previsión, prevención e planificación que deben caracterizar a este servizo público e que tan alonxada parece da lóxica dos encargados de xestionala.

Arrancábamos este artigo falando de catástrofes que resultan arquetípicas para abordar o que falamos. O afundimento do Prestige, provocou a introdución de novas obrigas no ámbito da prevención e da planificación que aínda hoxe, despois de 15 anos, continúan sen xeneralizarse e implantarse correctamente, provocando que calquera activación dos plans se caracterice, ás máis das veces, pola improvisación e a descoordinación.

Improvisación e descoordinación que hai unhas semanas se puxeron en evidencia na vaga de lumes forestais que sufrimos. Son estes, xunto cunha correcta difusión de principios de autoprotección entre a poboación, que tanto se botou en falta no caso dos incendios forestais, os que precisamente debemos aportar desde a prevención e seguridade no ámbito da protección civil.

Sirva este primeiro artigo para introducir próximas abordaxes a este apaixonante e amplísimo ámbito da prevención de emerxencias que desde a nosa modesta experiencia profesional de quen escribe, pretedemos aproximar.